4 de outubro de 2025

Canción "Coma o trompo" - Os Ourensóns

Ven comigo "pra" rúa xogar coa bóla
ti me tiras punteirazos, eu che fago un paradón.
Tamén podemos, se queres, probar coa chave
dalle ás aspas co peso, ponlle toda a túa atención.
E non deixes de xirar, e non deixes de xirar
Fago o camiño como o trompo en San Martiño
fago o camiño e non deixo de xirar (bis)
Trouxen hoxe dous paus para divertirnos
lanza ao aire a billarda dalle forte co palán.
Máis tarde poderiamos marchar coas bicis
temos camiño dabondo e diante todo o serán.
E non deixes de xirar, e non deixes de xirar
Fago o camiño como o trompo en San Martiño
fago o camiño e non deixo de xirar.

Escoita a canción

Sacado da Páxina de Brinquedia

Música "A buxaina brincadeira"

 Escoita a música "A buxaina brincadeira" do albúm Cantareliña de Saraibas (1983) . 

Letra:

 

        Unha, dúas, tres,
catro, cinco, seis,
sete, oito, nove, dez.
Teño unha buxaina,
baila, baila, baila,
o mesmo no chan 
ou pola man, 
ela non para.
Teño unha piola,
tola, tola, tola, 
tece do dereito 
e do reves, 
enfia soa.
Coa miña buxaina
e a miña piola,
chámanme os rapaces
a ledicia
da escola.
Unha, dúas, tres,
catro, cinco, seis,
sete, oito, nove, dez.

Letra: Anxela Loureiro.
Música: Miguel Varela

           


14 de agosto de 2025

Xogo Edilim - Paxaros do río Gafos (I-VI)

Estamos xa no VI bloque do Xogo Edilim sobre paxaros das nosas ribeiras. Centrado especialmente no Río Gafos da provincia de Pontevedra. Dende do último  podes acceder aos demais.

Os paxaros traballados nos diferentes bloques son:

BLOQUE I - Lavandeira, Gaivota, Merlo, Pomba, Pega, Corvo

BLOQUE II - Abelleiro, Azulenta, Anduriña, Arcea, Bilurico e Aveloíña

BLOQUE III - Papuxa, Pimpín, Gabeador, Lavanco, Liñaceiro e Rousinol

BLOQUE IV - Ganso, Xílgaro, Paporroibo, Escribenta, Verderolo e Pombo torcaz

BLOQUE V - Folosa amarela, Trallón cinsento,  Rabirrubio tizón, Estreliña riscada, Xirín común e Moucho das orellas

BLOQUE VI - Birrio, Garzota, Picafollas, Rula, Tordo e Peto


28 de marzo de 2025

Dúas verdades e unha mentira

En especial para o noso Día dos Inocentes (1 de abril):
Cómo xogar?  1. Cada membro do grupo ten que anotar dúas verdades e unha mentira sobre si mesmos.
 2. As ideas a escribir poden ser simples pasatempos, intereses ou experiencias pasadas.
3. As mentiras poden ser, ou ben, unha parvada ou disparate; ou ben, poden semellar unha verdade, para que deste xeito sexa máis difícil de adiviñar.
4. Despois, imos compartir as declaracións de cada persoa e o grupo terá que adiviñar que afirmacións son falsas e cales son as verdadeiras.
5. Podemos anotar unha puntuación para ver quen é a persoa que adiviña a maior cantidade de mentiras, ou ben, simplemente xogar para divertirnos e coñecernos un pouco máis.


23 de marzo de 2025

O tren de caixa de mistos

Elaboración dun tren. Con caixas de mistos e un cordel fino ou con fío podemos elaborar un tren cos seus vagóns.    Ver vídeo

Boi de carozo de millo

Un carozo de millo con catro paus pequenos aguzados nas puntas, coma se fose un lapis. Facémoslle ao carozo dous buratos, un pouco inclinados cara a fóra, a unha distancia de 3 cm da parte máis grosa e separados entre si 1 cm. Deseguido, repetimos este mesmo proceso a uns 10 cm das patas de diante. Colocamos as patas nos seus buratos respectivos. Apañamos dous paus curvos e procuramos aguzalos e redondealos, de xeito que semellen o máis posible a uns cornos. Realizamos dous buracos, á altura do que vai ser a cabeza, un pouco ladeados. Espetámoslle os paus e xa está feito o boi. Ver como se fai

19 de febreiro de 2025

Xogo da ola - No Domingo Oleiro do Entroido (As Eiroas)

Nun corro, os/as participantes van tirándose olas de barro evitando que escachen. Se algunha cae no chan, penalízase a quen a rompeu. Xógase polo Entroido no Concello do Porriño, Concello de Xinzo de Limia  ou As Eiroás. Tamén está documentado en Maceda, na Pobra do Caramiñal, Ferrol, Lugo e Allariz e mesmo na Pascua do compostelán barrio de San Pedro (Datos de Brinquedia). Ver vídeo

8 de febreiro de 2025

Chuca con tapóns

Dámóslle a volta a varios vasos e poñémoslle un tapón ou calquera outro obxecto pequeno na parte posterior do vaso e logo collémolo lanzando o tapón ao aire e intentámolo coller meténdoo no vaso. Ver vídeo

Pilla tapóns con botella

Collemos os tapóns das botellas e deixámolas nun recipiente. Quen colle máis?

Ver vídeo

Crebacabezas con pelouros

Marcamos cun lápis as figuras que forman os pelouros rodeándolos polo seu perímetro, logo hai que colocar de novo os pelouros no seu lugar. Ver vídeo